Thursday 16 de May de 2024

O Museo de Belas Artes da Coruña prorroga un mes máis a mostra “After The Whale” tras superar as 16.000 visitas


A proposta artística de Manuel Vilariño programada pola Xunta poderá seguir visitándose ata o 11 de decembro para cubrir a ampla demanda e boa resposta do público

A Xunta de Galicia prorroga un mes máis a mostra After the whale. Un diálogo co museo, de Manuel Vilariño, que tiña previsto finalizar o 13 de novembro e que poderá agora visitarse ata o 11 de decembro. Deste xeito preténdese dar resposta á boa acollida por parte do público e cubrir a alta demanda de visitas, xa que desde a súa inauguración en maio recibiu 16.335 persoas.

Ao tempo que se prorroga a mostra, o museo tamén continuará a ofrecer as visitas guiadas para o público xeral que se viñan desenvolvendo os sábados ás 18,30 horas. A derradeira das visitas será o 3 de decembro.

Comisariada polo crítico de arte Fernando Castro, a mostra componse de fotografías de gran formato, vídeos e instalacións que suman 51 pezas coas temáticas que caracterizan a obra de Manuel Vilariño, como a natureza, a relación entre a vida e a morte ou o misticismo. Delas salienta o esqueleto de balea pendurado do teito que, ademais de simbolizar os tres temas sinalados, lle dá nome á exposición e fai referencia a unha das obras cumio da literatura universal, Moby Dick.

Medio cento de pezas
Na exposición incorpórase o medio cento de pezas ás diferentes salas de museo para crear un diálogo creativo coa colección permanente. Enmárcase na programación conmemorativa do centenario do Museo de Belas Artes.

O Museo de Belas Artes abre de martes a venres en horario continuado de 10,00 a 20,00 e os sábados de 10,00 a 14,00 horas e de 16,30 a 20,00 horas. Os domingos o horario é de mañá de 10,00 a 14,00 horas e os festivos permanece pechado.